Tuesday 21 de May de 2024

A Xunta completa as previsións normativas do programa de impulso democrático coa entrada na cámara da Lei de Asistencia Xurídica


O vicepresidente da Xunta cualifica como “indubidablemente necesario, completo, moderno e innovador” o texto presentado hoxe no pleno

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, presentou hoxe no Pleno do Parlamento o Proxecto de Lei da asistencia xurídica da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e do seu sector público, que regulará e ordenará os servizos xurídicos da comunidade coa introdución de cambios nas súas tarefas e na súa operatividade, que conseguirán extremar o control sobre a legalidade dos actos da administración e dos cargos públicos, segundo informou Rueda.

Coa presentación deste texto, que o vicepresidente da Xunta cualificou de “indubidablemente necesario, completo, moderno e innovador” a Xunta de Galicia conclúe a remisión ao Parlamento de Galicia dos cinco proxectos de lei incluídos no Programa de Impulso Democrático, presentado do propio Parlamento hai un ano.

Segundo indicou o representante autonómico, con esta lei sáldase unha débeda pendente dende os principios da autonomía galega. O persoal letrado da Xunta levaba funcionando dende o ano 1984 baixo o amparo dunha normativa legal moi básica que incluía incluso un carácter “provisional” no título da lei. Agora, 30 anos despois, contarán por fin cun texto completo e moderno para regular a actividade dun corpo fundamental para o bo desempeño da Xunta de Galicia.

Durante a súa comparecencia, Rueda, detallou o contido do texto, dividido en cinco capítulos nos que, entre outras cuestións, regúlase o papel fundamental da Asesoría Xurídica como órgano de control de legalidade das normas, contratos, convenios, subvencións e outro tipo de expedientes. Ademais, este control da legalidade que exerce o persoal letrado homoxeneizase a todo o sector público autonómico, para que os entes da Administración instrumental estean suxeitos ao mesmo grao de supervisión e de rigor que a Administración xeral.

Tamén se regula a representación e defensa en calquera proceso xudicial dos intereses do sector público autonómico de Galicia e, especificamente, ante o Tribunal Constitucional ou organismos internacionais en asuntos relativos ao dereito constitucional ou ao dereito comunitario; e contémplase o exercicio da acción popular, tal e como xa se está a facer en eidos tan sensibles como os de violencia de xénero con resultado de morte.

Defensa de autoridades e empregados públicos
Así mesmo, abórdase un asunto que requiría dunha regulación clara para encher un baleiro normativo: a defensa en xuízo de autoridades e empregados públicos, que se aborda co obxectivo claro de que en ningún caso unha persoa culpable dun delito resulte beneficiada ao ser defendida con cargo ao erario público.

Para iso, someterase calquera petición de asistencia letrada a unha avaliación, tanto por parte da consellería na que dita persoa preste os seus servizos como da propia Asesoría Xurídica Xeral, que tomará a decisión final. Esa decisión deberá ter en contra, con carácter primordial, a posible contraposición de intereses entre a persoa acusada e a administración autonómica e conta cuns criterios claramente delimitados no texto da lei. Non se poderá prestar esta asistencia a persoas sobre as que existan indicios claros de ter actuado deliberadamente en contra dos intereses da administración e, en consecuencia, dos intereses dos galegos e galegas.

No caso de que estas circunstancias non sexan apreciadas nun inicio pero se revelen durante o transcurso do proceso xudicial, a autorización do servizo de defensa será revogada.En última instancia, cando como resultado da sentenza se demostre que unha persoa que recibiu a asistencia letrada da Xunta de Galicia fose culpable do delito polo que se lle acusaba, establécese a obriga por parte desta persoa de reintegrar os gastos de defensa nos que teña incorrido a Administración autonómica. Do mesmo xeito, no caso inverso, a aquelas persoas ás que se lle denegase e resulten absoltas terán que ser compensadas.

Autoprovisión
Este novo texto lexislativo desenvolve o principio de autoprovisión que xa fora introducido na Lei de Racionalización do sector público, é dicir, a idea de non contratar fóra aquilo que se pode prestar con medios propios. A asistencia xurídica era un dos eidos nos que se prevía implantar este principio e así se concretou no Catálogo de prestacións susceptibles de autoprovisión que aprobou a Xunta a finais do pasado ano en desenvolvemento da dita lei.

Establecese que, previamente á apertura de calquera expediente de contratación dunha consultaría legal ou dun despacho de avogados externo, haberá que dar parte desa intención á Asesoría Xurídica Xeral para que se pronuncie sobre se pode asumir esa función cos seus propios letrados. En todos os casos nos que poida, así o fará; e incluso naqueles nos que non poida, conservará o poder de supervisar a execución do dito contrato e de coordinar a súa actuación para que se suxeite á unidade de doutrina legal dentro do sector público autonómico.

Calidade normativa
Na nova norma desenvolvese tamén o principio de calidade normativa introducido pola Lei de Racionalización, que no seu desenvolvemento aprobou xa unhas Directrices de Técnica Normativa para unificar os criterios estruturais e formais das futuras normas da Xunta. Agora, asignáselle legalmente á Asesoría Xurídica Xeral a misión de velar polo cumprimento desas directrices nos seus informes, garantindo esa homoxeneidade e claridade no noso ordenamento xurídico.

Seguindo con eses principios de calidade normativa, proclámase á Asesoría Xurídica Xeral como órgano coordinador dos procesos de simplificación normativa e de refundición. Actualmente está en marcha o primeiro Plan de Simplificación Lexislativa da historia de Galicia; sen embargo para continuar ese esforzo a revisión, avaliación e a racionalización do mapa xurídico será un proceso periódico do que tamén se encargará a Asesoría Xurídica Xeral.

Entidades locais
Alfonso Rueda destacou tamén unha incorporación que se produciu no último período de tramitación da lei, a petición do presidente do Consello Consultivo, que foi a axilización das solicitudes de informe por parte das entidades locais. Así, unha vez entre en vigor a lei, os alcaldes e as alcaldesas de Galicia terán a porta do Consello Consultivo aberta para a solicitude de informes sobre asuntos de transcendencia xeral.

Deste xeito, segundo subliñou o vicepresidente, acadarase unha maior seguridade xurídica tamén na actividade dos entes locais, ao proporcionarlles un novo recurso de asesoramento e ao fomentar que se vaia creando unha doutrina xurídica por parte do Consultivo sobre os asuntos da administración local.

O vicepresidente da Xunta incidiu en que todos estes cambios introducidos no funcionamento da asistencia xurídica da comunidade van na liña, por unha banda de evitar casos de malas prácticas “como os que tanto dano teñen feito ás institucións” e, por por outra banda, reforzarán a seguridade xurídica das actividades administrativas, de xeito que se asegure que a cidadanía dispón dunhas institucións públicas que camiñan sempre dentro dos cauces da lei.